Hai uns días rematou o Campamento Diocesano de Lourenzá. Unha actividade promovida polo Colectivo Campamento Diocesano coa colaboración da Pastoral Xuvenil da diocese. Dez días de xogos, de diversión e de reflexión cristiá nos que nenos de 8 a 16 anos tiveron a ocasión de participar. Esta é a experiencia dunha das monitoras veteranas:
Levamos xa uns días escoitando as voces de nenos que nos contan historias entre as paredes do mosteiro e ata ao redor del. Son nenos felices, inda que algúns sempre padecen algún mimo… É realmente impresionante para os monitores que aquí nos atopamos sentir como algo máis dunha centena de nenos están ao teu redor e dos cales unha boa cantidade berran con forza o teu nome!
Entre sonidos de guitarras, xogos de controis, de pistas, estáticos, marchas, piscina, praia, excursións, comidas, ceas, merendas, duchas, e moitas máis actividades, sentes como realmente estás aquí por moitos motivos. Todo te apuxa a chegar ao fin dos 10 días de Campamento con nenos, desde o simple feito de arrincarlle un sorriso a un neno e de secarlle unha bágoa, como montar un xogo, servir unha comida, barrer un pasillo, …
Aquí todo nos serve. Sabemos que funcionamos como un puzzle, onde cada un dos que aquí nos atopamos temos algo que aportar, naide é imprescindible, pero todos somos necesarios. ¿Un campamento sen nenos? ¿Un campamento con monitores autosuficientes? ¿Un campamento como? Nós sabemos como, queremos o campamento que estamos tendo, non todo nos sae como agardabamos, unhas veces mellor e outras peor, pero mentres Quen nos move a estar aquí nos manteña cun espíritu vivo e con unha forza e unha ilusión rebosante, todo sairá xenial.