.:Nova Fronteira:.

Benvido a NF. Un blog feito desde a diocese de Mondoñedo-Ferrol (Galicia), onde te podes expresar. Un punto de encontro para a xente nova

Archive for Noviembre, 2006

Algo distinto, extraño

15 Noviembre, 2006 Escrito por: Antonio Valín, director de NF Tema: Cine Xa van 2 comentarios →

Antonio ValínSeguro que cando míra-la cartelera dos cines, non imaxinas atoparte isto. E seguro, que se che din que a película é só con música e moito silencio, dis, comigo que non conten.

Pois esta película que se estrena nuns días en España, xa fixo percorrido por Alemania, Italia e México, sendo, curiosamente, éxito de taquilla.

De que vai isto? É unha película orixinal e ben arriscada, pois falamos de 2 horas e 40 minutos de silencio, onde se amosa a vida dos monxes cartuxos do mosteiro de Grande Chartreuse nos Alpes franceses.

El gran silencioNon ten diálogos, nin comentarios en off, ni entrevistas,… nada!!! só silencio, o son ambiental do mosteiro, a natureza que o rodea e, cando cadra, os cantos dos monxes en oración.

Faise un seguimento dos monxes, de distintas idades e procedencias, do que fan nas súas celdas, no traballo do campo, nos momentos en común…

Desde logo, a crítica que a precede di “sorprendente”. Os premios que a avalan (Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance 06, ou o do Festival de Sao Paulo 06, entre outros) din que é algo novidoso, impactante e provocadora; vamos, parece que non deixa a ninguén impasible.

É unha boa oferta para ir ó cine? Non o sei, desde logo, por intentar que non sexa, e logo, falamos aquí dela. Que disfrutedes dese silencio.

Director: Philip Gröning | País: Francia, Alemania |Duración: 164’ | Documental | Data de estreno: 24 novembro

De multiculturalidade, respecto, tolerancia e outras herbas

10 Noviembre, 2006 Escrito por: Tere Nécega, profesora de Relixión Tema: A Fondo, A voltas co entendemento entre credos Xa van 4 comentarios →

Tere NécegaMoitas veces penso que estas son simplemente palabras coas que políticos, profesores, relixiosos de diferentes confesións, ou simplemente persoas de a pé, enchemos a nosa boca pero que logo é moi difícil poñer en práctica.

Cando vexo cousas como as que ocorreron con motivo das viñetas de Mahoma, ou as de agora coas palabras de Benedicto XVI, doume conta de todo o que queda por facer, de todo o que hai ainda que educar, (si, xa saíu a miña palabra máxica…).

Veredes, a mín non me gusta a palabra tolerancia, non me gusta cando se fala das persoas, e explicarei porque, tolerancia é algo así como que “eu permito que…” e eu non son quen para permitir ou non nada…Tolerancia colócame por encima, no plano superior, con capacidade para decidir sobre o outro…Decididamente, non me gusta. E non me gusta tampoco ese eufemismo que tanto se utiliza agora de Tolerancia Cero para evitar decir intolerancia que é o que queremos decir: E eu pregúntome porque non imos ser intolerantes con algunhas actitudes, algunhas formas de provocar, algunhas formas de pensar, que nos están ofendendo: podemos ser tolerantes con quenes se poñen ó volante logo de beber e beber?, podemos ser tolerantes con actitudes terroristas?, debemos ser tolerantes cos que exercen violencia sobre as mulleres?

Debemos ser tolerantes cos violadores, pederastas, etc, etc? Pois… cada cousa polo seu nome e polo que a mín respecta eu iso non o tolero, ou se queredes, son intolerante con todo iso. Pero intolerante non significa, violenta ou agresiva, simplemente significa que non quero unha sociedade que permita, tolere esas cousas, e significa un compromiso personal para educarme Y educar non xa na tolerancia…que me coloca por enriba se non no respecto.

En canto á multiculturalidade, é unha desas palabras que sonan ben, que quedan bonitas nos discursos, nos proxectos curriculares, nos programas electorais etc, pero é unha cousa realmente complicada, alomenos ó meu xuizo, eu sinceiramente non creo que esa multiculturalidade se poida dar, ou se dea nestes momentos porque a multiculturalidade supón a aceptación das diferencias, e para aceptar ó outro como é hai que coñecelo e respectalo no seu, e ese respecto debe ser recíproco. Pero cando chegas novo a un lugar, con costumes, credos, ideas, formas de vida diferentes intentas amoldarte ó novo pero tamén buscas entre os teus a protección e o reforzo das poucas cousas que te vencellan co que deixaches. Esquecer isto, que é básico, é botar por terra calquera intento de relación enriquecedora.

Pero a mín e remato, gustanme máis outras palabras, que tampouco son a solución pero que me axudan a entender e entenderte. Gustame a palabra ser humano, para descubrir un fondo común no noso camiñar, gustame a palabra igualdade para decirche que tes o mesmo dereito ca mín a ser respectado no teu, gustame a palabra respecto para decirche que quero escoitarte, entenderte e valorar o que me dices, e para todo aquilo no que non teñamos de acordo…pois gustanme duas palabras: dialogo para escoitarte e que me escoites e consenso porque hai que aprender a ceder en cousas para gañar ó ser humano. E a última palabra educación, si educación porque sen ela non hai nada.

Por todo isto, penso que non é bo rirse ou burlarse do que para outros é sagrado ou importante nas súas crenzas, ideas, etc; penso tamén que non podemos responder a esas ofensas con violencia de ningún xeito; aquela paráfrase de Ghandi á lei do Talión segue sendo hoxe máis verdade ca nunca “ollo por ollo…todos cegos”.

Oriente e occidente

01 Noviembre, 2006 Escrito por: Moncho Noche, profesor de secundaria Tema: A Fondo, A voltas co entendemento entre credos 1 persoa dixo algo→

Moncho NocheÉ incuestionable o feito de que nos medios de comunicación, ao longo destes últimos anos, o tema do conflito ou choque de civilizacións para caracterizar ás relacións Occidente – Oriente está facendo correr ríos de tinta.

Dunha banda preséntase a Occidente como o símbolo da democracia e do diálogo, mentres que Oriente representaría o terrorismo, sempre co adxectivo de”islámico”e a intolerancia.

Oriente e occidentePenso que a división, na realidade, non está nin moito menos tan clara. Considerar ao mundo musulmán como terrorista e violento é unha redución ridícula e perigosa, posto que contribúe a xerar nos “occidentais” unha especie de paranoia colectiva ante os membros dunha relixión que está tan dividida en grupos enfrontados coma calquera outra.

Por outra parte, nese Occidente espállase como efecto dese medo a idea de que é preciso reducir as liberdades civís para asegurar a seguridade, o cal leva aos gobernos a establecer medidas tan discutibles e antidemocráticas coma o control das chamadas telefónicas dos cidadáns, polémica medida plantexada recentemente nos Estados Unidos.

É un tema complexo, onde os conceptos aparecen cheos de trampas; o espazo desta colaboración non dá para máis, pero gostaríame lanzar a seguinte pregunta ¿A quen beneficia este clima de inseguridade no chamado mundo occidental?