Ano rosendiano

O patrón da nosa diocese chámase San Rosendo. Naceu no 907, e tivo unha fonda pegada en Galicia, sobre todo na diocese de Ourense e Mondoñedo-Ferrol. Agora, estamos a punto de conmemorar o XI centenario do seu nacemento, e a maquinaria da nosa diocese púxose a traballar para celebrar a data como se merece.
San Rosendo non é un santo moi coñecido, aínda que si admirado, ó que moitas persoas en Galicia lle teñen unha grande devoción. Con este XI Centenario a nosa diocese, en colaboración con todas as de Galicia (en especial coa de Ourense) pretende achegar a figura deste santo a todos os diocesanos, e para iso teremos un Ano Xubilar, no que se enmarcarán diversas actividades: dende obras sociais ata congresos, exposicións, e mesmo un selo de correos.
Pero…¿quen é San Rosendo? O delegado do bispo para o centenario, Segundo Pérez López (coñecido xa de NF) resume en poucas palabras unha biografía cargada de grandes feitos: “foi bispo de San Martiño de Mondoñedo (Foz) Iria ( Santiago de Compostela) e promotor da fundación de numerosos mosteiros por todo o territorio do Noroeste peninsular, sendo a súa fundación emblemática o mosteiro de Celanova (Ourense) onde falecería o día 1 de marzo de 977. Esta abadía foi centro de referencia para máis de cincuenta mosteiros e priorados de toda España. Foi canonizado a finais do século XII polo cardeal Xacinto, legado pontificio, quen en chegando a Papa estendeu o seu culto para toda a Igrexa”. (sigue lendo).
Segundo Pérez, rector do Seminario Maior e do Instituto Teolóxico Compostelán dirixe unha comisión nomeada polo bispo, Manuel Sánchez Monge, na que hai dende estudiosos e académicos ata xornalistas ou párrocos de numerosas parroquias. Este grupo de traballo púxose en marcha hai meses para preparar o ano Xubilar que comezará tras o verán. Nel poderemos disfrutar dun amplo programa de actividades que xa adianta a páxina web creada para o centenario.
Os medios de comunicación xa se fixeron eco do centenario, comezando por Dumio, o suplemento diocesano de La Voz de Galicia, que lle adica un espacio relevante ó centenario. Nel podemos atopar unha entrevista con Segundo Pérez, a carta do bispo anunciando o centenario e unha primeira versión do programa. Podes acceder a toda a información sobre o centenario dispoñible na rede na web creada para tal fin.
.:Diocese:. Web especial para o XI Centenario do nacemento de San Rosendo



