Rafa Sánchez-Agustino é un home curtido nunha e mil batallas. Malia que el mesmo é novo, leva traballando na Pastoral Xuvenil da súa diocese (Santiago) dende hai anos, e compaxina o seu compromiso cristián coa ensinanza e a afición á fotografía. Coas súas cámaras leva capturado moitos e moi bos momentos en convivencias, encontros, peregrinacións… Ademáis, este mestre dirixe o seu obxectivo cara a web de Pastoral Xuvenil de Santiago (como webmaster), que ven de cumprir un ano como punto de encontro e convocatoria na rede para centos de rapaces da súa diocese. Pode que algunha vez se lle velase un carrete, pero a súa crenza na actualidade e vixencia da mensaxe de Xesús non acostuma a sufrir desenfoques. Con amabilidade aceptou respostar ás preguntas de Nova Fronteira.
¿Cal é a túa experiencia como webmaster da páxina de Pastoral Xuvenil de Santiago? ¿Cres que se pode facer Pastoral Xuvenil desde a rede?
A experiencia é moi positiva. Case tódolos comentarios que recibín foron de ánimo para continuar e mellora-la páxina. Outros non entenderon moi ben a función que lle queriamos dar, pero penso que pouco a pouco ímonos amoldando todos.
Con respecto a segunda pregunta, penso que si. Non se trata de convocar a vivir o evanxeo a través do ordenador, pero como hoxe en día a mocidade está tan “tecnoloxizada” hai que chegar a través do seu medio. Por exemplo: moitas quedadas facémolas polo móbil.
¿A xuventude que está conectada é apática para este tipo de temas, ou é que hai moi poucas webs que respondan ás necesidades dos xoves? ¿Como valoras o panorama de webs de esta temática que existen hoxe en día?
Depende. Na nosa páxina web, que funciona moito coma un taboleiro de anuncios, é máis difícil ver directamente esa participación. Comprobámolo despois, cando a xente chega a unha convivencia, unha viaxe, unha reunión, e falan das fotos que están colgadas, das convocatorias próximas…
No tocante as demais páxinas web penso que estamos aínda un pouco verdes, e que temos que mellorar moito. Entendemos algo de contidos, pero o medio aínda non o dominamos o suficiente. A tecnoloxía está a ofrecer moitas posibilidades, pero require un esforzo grande de aprendizaxe. Noutros países lévannos algo de vantaxe.
Diversos estudios e o sentir mesmo da sociedade parecen transmitir unha falta de interese dos xoves polos temas espirituais e relixiosos. ¿Por que? ¿Cres que é adaptable a mensaxe de Xesús de Nazaret ós tempos que vivimos?
Na miña opinión estamos perdendo en cantidade, pero estamos gañando en calidade. Non me refiro a que os que están sexan mellores que os que estiveron, pero si que sinto un compromiso moi grande por parte dalgunhas persoas que están dando todo sen recibir moito ou nada a cambio. Isto último é unha das cousas que máis me gustan da mensaxe de Xesús, e vale para calquera tempo.
¿Cales son, desde o teu punto de vista, os obxectivos e retos que se lle presentan á Igrexa actual na súa relación cos xoves?
Non penso que se trate dun problema de modernidade. A Igrexa actual formámola todos: laicos e consagrados. Antes dicían: “son cousas de curas”, e temos que dicir: “son cousas de Deus, e Deus é cousa de todos”. Penso que compartindo responsabilidades, implicando ós xoves na tarefa de transmitir e vivi-lo evanxeo, sendo comprensivo nas formas de expresión… Ben sei que é difícil (eu son o primeiro en non amoldarme a certas cousas).
¿Dende a túa experiencia, virtual e de actividades pastorais, que che aporta e con qué te quedas despois de anos de convivencias e traballo con xente nova?
Durante moitos anos vivín moitas realidades pasando de ser participante a colaborador ou co-organizador de algunhas actividades. O que máis me enche é o servicio. Sinceramente, o pouco que fago, fágoo polo sentimento cristián que os meus pais e na miña parroquia fixeron xermolar en min e que me sae espontaneamente. Non fai falla que me pidan as cousas dúas veces. Déixome liar axiña (a maioría das veces) ou digo que non podo, pero son da opinión de que hai que ofrecerse.