Lin con moita atención o discurso do Papa Bieito XVI en Ratisbona e a súa publicación coas notas correspondentes (máis actual), na que explica con detalle o que quixo dicir.
Baixo o meu humilde punto de vista é un bo discurso no seu conxunto, e a súa mensaxe, ainda que expresada con termos complexos, encerra unha verdade clara da que todos, en maior ou menor medida, falamos ou discutimos algunha vez: non hai ningunha contradicción entre razón e fe senón que máis ben a fe necesita da razón e a razón necesita da fe. Esta é a base da súa lección maxistral, e é certo, xa que sabemos perfectamente que unha razón soa sen trascendencia acaba convertíndose nunca ameaza que ten derivacións funestas: totalitarismos, apoderarse dela, etc. Por todo elo a cuestión de Deus tén unha dimensión pública e como tal ten cabida no fío universitario (onde el aportou dita reflexión)
Para dicir e aclarar que a razón e a fe se precisan o Papa emprega a famosa cita de Manuel II o emperador Bizantino. É evidente que o Papa empregou esa cita e non outra, é evidente tamén que quixo que fose así (non foi un descuido e sabía as repercusións que podía traer), o que me sorprende sobre maneira é que podendo utilizar moitas outras fose esa a que iluminase o que desexaba decir.
É discutible, pero non xustifica as reaccións fundamentalistas de moitos musulmáns que non entenden a súa propia relixión, que a malinterpretan, e que a simplifican ata extremos alarmantes deixándose levar por líderes ainda máis radicales. Non é un bo musulmán quen emprega a violencia; non é un bo musulmán quen non critica con dureza reaccións extremas dos seus propios compañeiros de crenza. Quizáis sexan estas cousas, entre outras, nas que deberíamos parecernos os crentes das tres grandes relixións monoteístas: búsqueda da paz, crítica da violencia en calquera dos seus extremos, búsqueda de unidade e non da división constante.
Nestos días déronse pasos neste sentido desde o mundo musulmán, onde unha serie de importantes intelectuais e líderes relixiosos de tódalas partes do mundo quixeron xustificar as palabras do Papa e quixeron achegar posturas cos cristiáns (a carta está publicada aquí).
Ese é o camiño que nos ilusiona ós amantes da paz.