“O ecoloxismo, a xustiza, a solidaridade… non son focos de interese dos xoves”
Para empezar gustaríame sinalar que creo que as xeneralizacións nunca son boas, por non ser fieis ó que sucede na realidade. O que eu percibo que lles preocupa ós rapaces e rapazas de hoxe en día debuxa un amplo abano de posibilidades que sería imposible abarcar nin en tódolos megas que o correo electrónico nos permite.
Pero, caendo no gran perigo da xeneralización, creo que a xuventude actual está preocupada por infinidade de cousas, todas elas cun denominador común. Non creo as afirmacións dos políticos (de tódalas cores e tamaños posibles) cando din que a xuventude está preocupada polo ecoloxismo, a xustiza, a solidaridade ou cousas así; non digo que esos temas non lles preocupen ós xoves, a lo menos a algúns, pero non creo que eses sexan os seus focos de interese.
Con moito pesar constato con demasiada frecuencia que os xoves que eu coñezo (dentro da Igrexa e tamén fora dela) teñen centrada a súa vida nas cousas materiais; cousas non despreciables, xa que algunhas son indispensables para a vida. ¿Canta xente nova non vive pendente de atopar un bo traballo, de ter un bo coche, de comprar un piso, de disfrutar da fin de semana a tope, de permitirse tal ou cal capricho,….? Xa digo que estas cousas non son malas, por necesarias (a lo menos algunhas).
A veces atopo xente, cada vez máis, cunha necesidade case que enfermiza de “ocupar” a cabeza coas cousas materiais e cando consiguen o que queren xa están desexando outra cousa (¿sera para encher algún valeiro?). Sinceramente creo que a culpa non é dos xoves, a lo menos non toda, somos (inclúome) o que mamamos, e iso é moi difícil cambialo. E iso si que é preocupante, que non nos preocupamos de cambialo.



