Bendita inconformidade
¿Por que sempre vemos o lado negativo das cousas? Case sempre que se fala da xuventude saen a relucir os seus “defectos”, que se é egoísta, que se é consumista, que se só pensa en pasalo ben sen importarlle os demais, que se tal, que se cual, que sei eu…
Xa é hora de romper unha lanza a favor da nosa xeneración (si, eu todavía me considero xoven). É certo que temos moitos defectos, como todo o mundo, pero non somos un cúmulo de defectos; tamén temos moitas virtudes. Os defectos debémosllos en gran parte á sociedade que nos educou (non digo ós nosos educadores, senón á sociedade na que nos imos insertando). Por iso é inxusto que agora se acuse ós xoves de ser como son.
A xuventude actual non é mellor nin peor que a de xeracións anteriores, é distinta como distinta é a sociedade, como distinto é o mundo, como distinta é a situación socioeconómica, política, cultural, etc…
Dicían hai unhas semanas que a xuventude actual non confía nas institucións, entre elas a Igrexa. Isto máis que como unha catástrofe ou un ataque hai que velo como un revulsivo. Ó mellor algo estamos a facer mal (ó mellor non, seguro). A xuventude non comparte os valores que a nós nos gustaría, pero iso non significa que non teña valores, haberá que ver cales son os seus valores e saber aproveitalos.
Un síntoma desta enfermidade que chamamos xuventude é o idealismo que se convirte en inconformismo ante unha realidade imperfecta. A medida que maduramos ímonos amoldando ó que hai e afogamos ese idealismo. Por iso é valiosa, necesaria e imprescindible a xuventude; porque é o toque de atención que nos di que as cousas non deben ser así, que debemos seguir esforzándonos por mellorar.
Valoremos á nosa xuventude por como é, que ten moitas cousas boas, e non a critiquemos por non ser como nos gustaría que fose.
Xoves, ánimo, que a nosa voz siga sendo un berro en favor do idealismo, da utopía.



