Un artigo especial para Nova Fronteira, por Segundo Pérez López (*)
Como di explicitamente o Papa, esta encíclica consta de dúas partes. A primeira parte é máis teolóxica e a segunda máis práctica. Aínda que faga un paso adiante no que pretende enlazar as dúas partes.
A primeira parte é unha larga disertación sobre a relación entre eros e ágape, que son dúas versións, dous modos e dúas concepcións do amor. Eros é o amor de desexo, o amor que busca a posesión, o amor que quere gozo e satisfacción para si mesmo. Ágape é unha palabra grega pouco usada antes do cristianismo, pero é a palabra escollida para expresa-lo amor cristián, o amor de Deus, de Cristo, do Espírito Santo e dos cristiáns. Entre eros e ágape hai unha diferencia profunda que lles dá a aparencia dunha oposición radical. Algúns teólogos máis radicais como Anders Nygren, construiron a teoloxía cristiá do amor a partir da oposición entre eros e ágape.
Agora ben, a disertación teolóxica do Papa é unha sorpresa porque é unha novidade na linguaxe da xerarquía. Benedicto XVI afirma a necesidade dun acordo, dunha forma de complementariedade entre as dúas formas do amor: a do gozo e a da recepción por unha banda, e por outra, a do don e a da gratuidade. Non coñezo ningún documento pontificio que exaltara nesa forma o gozo e o desexo. Se estas cousas houberan sido ditas, tal como se fixo dende a época patrística ata a primeira escolástica, a historia do cristianismo tería sido radicalmente diferente. Xa que, durante moitos séculos hasta hoxe a experiencia do gozo estivo moitas veces baixo sospeita, rexeitamento visto como algo malo a evitar. Ese rexeitamento do eros ten sido motivo de continuas oposicións entre os sacerdotes, sobre todo os confesores, e os leigos, sobre todo en temas de dirección das conciencias. Se se aplicase a doutrina do Papa á sexualidade, moitas cousas poderían cambiar na forma como os problemas afectivos teñen sido tratados na pastoral de cada día. A proposta cristiá non ven a ser un non a todo, se non un si ó amor que libera e fai do ser humano un ser libre e dono de si.
O Papa aplica o seu esquema dese dobre aspecto do amor a Deus, a Cristo e ao ser humano. O nº 12 que se refire a Cristo que, desde un realismo inaudito fai a aplicación do esquema a Cristo. Esta fermosa dimensión cristolóxica é demasiado breve e deixa moitas preguntas abertas. Con toda seguridade, o Papa, que é un bo teólogo, reserva para outra oportunidade una encíclica sobre Xesucristo, e terá a oportunidade de presentar, en forma máis elaborada e vital, a concepción teolóxica á que alude aquí.
A segunda parte fala da práctica da caridade pola Igrexa. Recorda os fundamentos desa misión da Igrexa na Escritura e na Tradición.
Moitos lectores esperaban con curiosidade a aplicación da doutrina do amor ós problemas sociais. O asunto é tratado nos nº 26 a 29, que se presentan baixo o título de xustiza e caridade. O texto presenta a doutrina social da Igrexa como resposta ós problemas sociais, como se esa doutrina social fora unha doutrina xa acabada, completa e capaz de orientar aos católicos na súa acción social hoxe en día. A Igrexa ensina a doutrina social e nada máis. O traballo por un orde máis xusto na sociedade é a responsabilidade dos leigos.
A encíclica quere situarse no corazón das preguntas que se fai a persoa humana actual, dende o máis sagrado da súa conciencia persoal, naquilo que é o máis específico do ser humano: a necesidade de amor e a capacidade de amar. A doutrina do amor conleva unha fonda forza social capaz de dar sentido á vida persoal e comunitaria. Cada cristián non pode quedar pasivo, debe buscar por si mesmo aquilo que dea xeito a doutrina do amor que se ten que aplicar na sociedade actual.
No nº 28.b, explica como, ao lado da xustiza, o amor conserva sempre a súa necesidade. Nunca haberá xustiza completa que poida dar satisfacción a tódalas necesidades: a xustiza humana non é posible que chegue ó fondo da realidade humana, subsiste sempre un espacio para a caridade. Este texto parece suxerir que na mente do Papa as obras de caridade, promovidas pola Igrexa, son máis importantes para a mesma Igrexa que a acción social e política.
Do nº 30 ao nº 42 a encíclica fala das obras de caridade organizadas pola Igrexa. É una longa exposición desa forma de acción da Igrexa, considerada como un elemento estructurante da mesma, xunto coa liturxia e a predicación da Palabra, que fan verdade visible o ser mesmo do Reino. É esta a parte máis extensa da encíclica.
Os lectores, que buscan pequenos sinais significativos, poderán notar que dúas veces o Papa fala da Madre Teresa de Calcuta. Non pode ser pura casualidade. Podería pensarse que na mente do Papa a Madre Teresa de Calcuta sexa a santa que mellor representa a presencia cristiá no mundo actual. Outro sinal é a relativa abundancia de citas de autores antigos, dos Santos Pais e mesmo de filósofos e pensadores actuais. Sen dúbida que o Papa actual é unha das persoas mais cultas no mundo de hoxe. Por iso utiliza amplamente o diálogo coa cultura para ilustrar o seu pensamento.
Estas son soamente algunhas primeiras impresións que deberiamos complementar coa lectura das obras do actual Pontífice, tan cheas de sabedoría e ben dicir. Non cabe dúbida que se trata dunha obra moi persoal de Benedicto XVI, que propón ós homes e mulleres do século XXI o camiño da plenitude humana e do que significa a felicidade cristiá.
* Segundo L. Pérez López é o director do Instituto Teolóxico Compostelán, rector do Seminario Maior de Mondoñedo Ferrol, e autor de varios libros, entre outros El amor que salva, Religiosidad Popular y Peregrinación Jacobea ou Cuarenta años de postconcilio. É ademáis o coordinador de Estudios Mindonienses, anuario de estudios histórico-teolóxicos de Mondoñedo – Ferrol
NF:. Benedicto fala ó mundo do amor
NF:. Descargar a encíclica “Deus caritas est” (castelán)| PDF | DOC (Word) |