
Hai dúas semanas celebrouse en As Pontes o Festival da Canción Vocacional. Reproducimos a continuación unha crónica do que deu de si esa xornada festiva e musical:
Por decimosegundo ano consecutivo mozos e non tan mozos de toda a nosa Diocese déronse cita o sábado 21 de abril na Igrexa do Poblado de As Pontes, para participar no Festival da Canción Vocacional, que organiza a delegación Diocesana de Pastoral Vocacional.
O lema deste ano era: Colle o testigo!! En referencia a que a fe é algo que recibimos de tantos cristiáns que nos precederon, este ano recordamos de xeito especial a San Rosendo, e que, polo tanto, é algo que tamén debemos transmitir.
Ás dez da mañá comezaron a chegar os primeiros participantes. Todo estaba a punto para acollelos e pasar xuntos un día de ledicia, festa e convivencia, unidos pola música. Entre participantes e acompañantes chegaron ata As Pontes algo máis de 200 persoas.
Primeiro os rapaces, despois os maiores
Despois duns minutos de oración, tivo lugar a actuación dos grupos da categoría infantil, tras do cal tivemos a celebración da Eucaristía á última hora da mañá. Despois do xantar actuaron os grupos da categoría Xuvenil. Houbo tamén a oportunidade de escoitar un pequeno concerto que nos ofreceron os irmáns Óscar e Javier Santiago Sanmartín, xa coñecidos por todos os asistentes.
No tocante a premios, cómpre sinalar que tódolos grupos participantes recibiron un diploma pola súa participación e un CD de Nico Montero, que era o artista invitado pero que a última hora non puido asistir. O xurado, coma en anos anteriores, estivo formado por representantes de cada un dos grupos participantes. O primeiro premio da categoría infantil foi para o grupo do Colexio Xesús Maestro de Ferrol, das Discípulas de Xesús, de Ferrol; e da categoría xuvenil levaron o primeiro premio o grupo “Tierra Prometida” de A Coruña.