Celébrase o Día do Monago en Mondoñedo
*Ofrecémosvos a continuación unha crónica do Día do Monago, celebrado en Mondoñedo o pasado 18 de marzo (ver fotos), da man de Rubén Prieto, membro da Delegación Diocesana de Pastoral Vocacional
O reloxo da catedral tocaba as once da mañá cando ás portas do Seminario de Mondoñedo ían achegándose rapaces e rapazas de diversos puntos da diocese. Arredor duns corenta e cinco nenos de lugares como Oiras, Burela, Viveiro, Narón e Vilalba (entre outros) acudiron respondendo a convocatoria que fixemos dende a Delegación da Pastoral Vocacional.
Un ano máis o encontro anual dos monagos e monagas da diocese desenvolveuse en Mondoñedo. Este ano coa novidade do cambio de data pese a cal a resposta foi moi positiva. Todo comezou as once da mañá cando despois de aprender uns cantos e coñecer o lema da xornada (“Somos unha familia”) os nenos e nenas tiveron ocasion de falar co noso Bispo D. Manuel, que tivo a ben achegarse a saudar os monagos e monagas. Con eles departiu distendidamente e animou ós rapaces a seguir colaborando coa mesma intensidade nas súas parroquias e a ver nos curas un exemplo e un modelo.
Tras despedir ó Bispo entre todos os nenos e nenas formando cinco equipos xogaron unha partida ó “xogo do oca”, durante o cal, ademáis de compartir experiencias, foron coñecendo a casa e coñecéndose entre eles.
En torno á unha do medio día, e pese a protesta xeral dos nenos e nenas, houbo que rematar o gran xogo para dar paso a seguinte actividade. Esta vez reunidos na capela quixemos rematar a mañá todos xuntos rezándolle a Deus e pedíndolle por nós, polas nosas familias e de forma moi plástica aprendendo cousas esenciais para manternos unidos e compartir máis entre nós. Rematada a oración deunos xa a hora de comer e todos xuntos compartimos o tempo de xantar.
Para rematar a xornada, pola tarde, tivemos ocasión de ver unha montaxe sobre o Seminario e o que aquí se fai. Coa axuda dos alumnos do Seminario fixemotamén unha visita guiada pola casa. Para remate final fíxose a entrega de premios dos concursos de Debuxo e de Redacción organizados para a ocasión. Co canto do día “Somos una Familia” despedimos a xornada á vez que cada un dos participantes, ademais dos recordos do día, levou consigo de agasallo un pequeno chaveiro de coiro.
Dende a Delegación queremos felicitar a tódolos que fixeron o esforzo por vir ó Día do Monago e agradecer a súa presencia. Emprazamos ós monagos e monagas da diocese a que o vindeiro ano nos xuntemos outra vez. Ata a próxima.



