Cóstame crelo
Hai moitas persoas que cando falan da xente nova, soen facelo dun xeito pobre: fálase do negativo, daquilo que molesta, do “desastrosa” que pode chegar a ser. Persoalmente non mo acabo de crer. Podo afirmar que hai casos, grupos e ata colectivos que encaixarían dentro dese grupo que nas enquisas veñen sinaladas como “politicamente incorrectos”; os estudios que acaban de sair ás rúas van nesa liña, pero cóstame crelo, polo menos nos xoves que coñezo eu.
É certo que a mocidade non acaba de situarse –nunca o fixo de todo- na sociedade, cultura, política, valores, igrexa,… que a rodean. É certo que ser xove significa facerse un oco no abano de opcións que hai no mundo. A política, o traballo, as intitucións, as grandes relixións,… non convencen, non enchen e hai que buscarse a vida. Non é fácil ser novo, sobre todo porque o mundo que recibimos non é perfecto, nin siquera o que nos deixan aqueles que dun xeito apoloxético, falan das “preocupantes características da mocidade actual”. Cando un bota un vistazo á realidade que recibe, ás veces, dá medo, e iso que só a acollemos. Ante isto hai moitas reaccións: eu coñezo xente que bebe a sorbos enormes a realidade, que quere vivir a tope, que non dubida en meterse en traballos, actividades, grupos que moven a outras persoas –non sempre da súa idade-, xente que gasta o seu tempo libre e incluso outro tempo que podería adicar a outras actividades; son tíos e tías totalmente normais, que viven, se divirten e disfrutan da vida como xente nova (non pensedes que falo de alieníxenas); non, son unha peña ben normal. Cando traballo con eles, é unha pasada: vense valores, pequenas opcións,… tamén incoherencias e incongruencias, pero é xente que vai intuindo o que quere, e parece que o que quere é deixar detrás deles un mundo algo distinto. Pode parecer idílico –non o é- coñezo tamén outra realidade ben distinta, e no só nos xoves, tamén nos adultos; por iso me resisto a demonizar ós xoves e ó seu compromiso. Vendo a moitos dos da miña xeración penso qué é o que nos diferencia? somos nós moi distintos en actitudes, opcións, en pringarse en distintas actividades e campos? É só a mocidade deste novo milenio a que vai ó seu e ós demais e todo o que os rodea non importa?
Sinceramente, sígueme costando crelo.
Gustarianos saber qué opinas ti, cómo te ves, cómo ves á xente que te rodea e á sociedade. Nesta Nova Fronteira quixeramos escoita-la túa voz, le-la túa opinión; seguro, que tes moito que dicir. Esperámo-la túa colaboración.



