Deus é amor
Fai unhas semanas foi publicada a primeira Carta Encíclica do papa Benedicto XVI, “Deus caritas est”, “Deus é amor”. Unha frase tomada da primeira carta de san Xoán (4, 16) e que representa unha das afirmacións máis logradas que sobre Deus aparece na Biblia.
Penso que vale a pena, aínda que só sexa como sinxela presentación que anime a unha lectura máis pausada e meditada do texto, entresacar de forma resumida algunhas das afirmacións máis importantes. Para elo tratarei de presentala en “dezaseis” puntos ou items, en sintonía co número ordinal do pontificado do papa Benedicto:
- A palabra “amor” é unha das máis utilizadas e das que máis se abusa.
- O amor non se ten que deixar dominar polo instinto. Polo tanto precisa de purificación e maduración, e mesmo tamén de renuncia.
- O amor engloba a existencia enteira, en tódalas súas dimensións, mesmo tamén o tempo. O amor tende á eternidade.
- Quen quere dar amor ten que recibilo previamente como don. A fonte dese amor está en Xesucristo.
- A celebración da Eucaristía compromete no exercicio práctico do amor.
- O amor a Deus e ó próximo fúndense entre si: no máis humilde encontramos a Xesús e en Xesús encontramos a Deus.
- O amor a Deus e o amor ó próximo son inseparables, son un único mandamento.
- Toda a actividade da Igrexa ten que ser unha expresión do amor, que busca o ben do ser humano.
- A Igrexa non pode descoidar o servicio da Caridade, como tampouco a celebración dos Sacramentos e a predicación da Palabra.
- A Igrexa non pode substituír ó Estado no empeño dunha sociedade máis xusta. Pero tampouco pode quedar á marxe na loita pola xustiza.
- Xunto co exercicio da caridade por parte de cada cristián individualmente, a Igrexa non debe ser dispensada do exercicio da caridade como actividade organizada.
- Os seres humanos necesitan humanidade, atención cordial… Unha atención que sae do corazón.
- O cristián sabe que “Deus é amor”. Polo tanto a mellor defensa de Deus e do home consiste precisamente en vivir o amor.
- A pesar das incomprensións e confusións do mundo que nos rodea, os cristiáns cremos na bondade de Deus, en que é Pai e nos ama.
- O amor é unha luz. O amor é posible. Vivir o amor e levar a luz de Deus ó mundo é a invitación que o papa nos fai nesta Carta.
- Finalmente, a figura de María, a Nai do Señor, sobresae, non por poñerse ela mesma no centro, senón por poñer a Deus, a quen encontra na oración e no servicio ó próximo.
Vale a pena que tomemos nota, particularmente os que nos temos por cristiáns e valoramos o feito de crer, para non esquecer o esencial da nosa fe. É verdade que son cousas sabidas, e, ás veces, demasiado repetidas e predicadas. Sen embargo non está de máis retomar “o corazón da fe cristiá” para vivila e testemuñala máis autenticamente.
Como di san Paulo, “o amor non pasa nunca”, e con palabras de san Xoán da Cruz, “ó atardecer da vida, examinarannos de amor”.



