O noveno día
A historia deste film lévanos á biografía do sacerdote luxemburgués Jean Bernard (Henri Kremer na película) prisioneiro dos nazis en Dachau desde maio de 1941 ata a liberación. Alí, permitíuselle abandona-la prisión nove días. A versión oficial era que saía para ir ó enterro da nai; a real era que a Gestapo ofreceulle a liberdade a cambio da traición: convencer ó bispo Phillipe de colaborar co nazismo. Bernard tivo nove días para decidir, se rompía cos seus principios, salvando a vida e a da súa familia, ou renunciar á liberdade para ser fiel ó ideal.
Aparece aquí a controvertida posición do Vaticano ante o Terceiro Reich. Tamén a do bispo titular de Luxemburgo, duro oponente do nazismo, que desde a fe e o patriotismo rechaza esta ideoloxía, autoconfinándose no pazo episcopal e protestando a diario pola situación.
Por último, aparece a historia persoal do protagonista, un home moral e psicoloxicamente ferido polo campo de concentración, que ten que decidir cousas que o desbordan. Deixaranlle saborea-lo mel do cariño familiar para doblega-la súa vontade.
A película pon de manifesto a condición histórica da Igrexa, que ten que vivir no medio de contradiccións e complexidades. É unha historia dura, real, case brutal,… que se produce no máis íntimo dos seres humanos concretos: alí onde un se configura como persoa e crente.
Non é un film comercial; si é unha boa longametraxe para ver o que supón a opción de fe nun mundo sen fe.
│Título orixinal: Der neunte tag│ Director: Volker Schlöndorf │Alemania-Luxemburgo │ 2004 │Intérpretes: Ulrich Matthes, August Diehl, Hilmar Thate, Bibiana Beglau │Duración: 98 minutos│




