Malos tratos. Ti, que dis?
No libro da Xénese, cando fala da creación do ser humano, fala que Deus creou ó home e á muller á súa imaxe e semellanza, iguais en dignidade persoal. Isto para moitos é algo obvio, sexamos crentes ou non, pero se botamos unha ollada á realidade social, recibimos unha boa bofetada, pois parece que non todo o mundo considera iso.
O tema que queremos plantexar para comentar e pensar é o dos malos tratos, no sentido máis amplo da palabra: desde a violencia de xénero, os malos tratos pais/fillos e viceversa, a falta de respecto na escola, ós colegas, a marxinación, a muller,… ata tantas e tantas manifestacións que vemos cada día.
Pedímosvos que vos paredes a pensar un pouco. Cada un temos unha opinión ó respecto, ás veces motivada por unha reacción espontánea ante aquilo que nos descoloca ou repugna. Pero queremos que as ideas que comportamos vaian máis aló dun mal sabor de boca: queremos que nos fixemos neses malos tratos que outros provocan e por que o fan, pero tamén os que ti máis eu provocamos e nos quedamos tan tranquilos. Neste senso van as diversas opinións dos nosos colaboradores.
Ti, que dis? Seguro que podes aportar algo ben interesante, e recorda que a denuncia profética é o máis arriscado que hai… compromete.



