Nadal nun mosteiro (de clausura)
Escríbennos dende Ribadeo, onde nun mosteiro moi especial pásase un Nadal moi distinto.
Son Carmen Mª (ou como me chaman aquí, sor Carmen Mª), unha das monxas do mosteiro das clarisas de Ribadeo. Gustariame contarvos cómo vivímo-lo Nadal desde este lugar do mundo.
Antes de comenza-lo advento reunímonos en comunidade para falar sobre cómo imos vivilo e qué facer ó longo dese tempo de preparación para estar ben atentas á chegada do Señor Xesús en cada acontecemento e vivencia.
Centrámonos na persoa de María de Nazaret, e tentamos imita-lo seu exemplo en cousas ben concretas: gardar silencio, meditar no corazón a Palabra de Deus, ser máis disponibles nos traballos diarios (que as monxas tamén traballamos, e duro!).
Un día á semana reunímonos todas para prepara-lo Evanxeo do domingo, aportando cada unha a súa experiencia sobre o que lle di o texto, enriquecéndonos mutuamente co que di cada unha.
Neste tempo de advento non recibimos visitas do exterior. Pero a partires do Nadal a cousa cambia: sabemos que o Fillo de Deus está no medio e tentamos facer da nosa vida un Belén vivinte, entre os muros desta casa.
Adornámo-la casa, poñemos nacementos en distintos sitios da casa, rompémo-lo silencio na comida escoitando música, vilancicos ou felicitacións que nos mandan para todas.
Tamén este ambiente vese reflexado na celebración da Eucaristía e nas oracións que facemos cada día. Rezamos pola paz, polo benestar de todos, para que desaparezan do mundo todo aquilo que non quixo Xesús… e mira que hai ben cousas!…
Queremos que nestes días tódalas persoas, coñecidas ou non, teñan un espacio no noso corazón e oración.
E así é, moi a grandes rasgos, o Nadal nun mosteiro de vida contemplativa. É unha pasada porque ó sermos unha familia grande, vívese doutra maneira.



