O gran dictador
Considerada como unha das mellores películas da historia, O gran dictador, do xenial Charles Chaplin, é tamén un canto á paz e á liberdade fronte ós totalitarismos de todo tipo.
A película estreouse en Estados Unidos en 1940, en medio de fortes presións e críticas. Chaplin tivo moitos problemas para facela, xa que os Estados Unidos eran neutrais naquel momento na guerra que asolaba Europa, pero axiña se convertiu nun gran éxito de público. Conta a historia dun barbeiro xudío que combatiu co exército de Tomania na primeira guerra mundial, e que volve á casa anos despois da fin do conflicto. Amnésico, non recorda practicamente nada do que aconteceu durante eses anos, e non coñece a situación política do país, no que Hynkel, un dictador fascista e racista, chegou ó poder e iniciou a persecución do pobo xudeu, a quen considera responsable da situación de crise que vive Tomania.
Chaplin utiliza a figura de Hitler para realizar unha brillante parodia de todas e cada unha das ideas políticas, culturais, sociais e económicas nas que se sustentaba o réxime nazi, desde a superioridade da raza aria á sumisión incondicional do individuo ao Estado, pasando polo antisemitismo.
Na época na que se rodou e se estreou O gran dictador o mundo non sabía do xenocidio que os nazis estaban levando a cabo co pobo xudeu. Tralo descubrimento de todo ese horror, Chaplin afirmou: “Se tivera coñecemento dos horrores dos campos de concentración non podería rodar a película, non podería burlarme da demencia homicida dos nazis; pero estaba decidido a ridiculizar a súa absurda mística en relación cunha raza de sangue puro.”
O gran dictador é unha película atemporal, que non perde vixencia co paso dos anos, unha mensaxe de esperanza e confianza na paz, na xustiza e na liberdade, que ten aínda máis forza se pensamos que foi escrita e rodada uns meses antes do inicio da segunda guerra mundial. A mensaxe do filme, clara e contundente, é suliñada por Chaplin no mítico discurso final: “Temos que axudarnos uns a outros, os seres humanos somos así. Queremos facer felices ós demais, non facelos desgraciados. (…) Neste mundo hai sitio para todo o mundo. O camiño da vida pode ser libre e fermoso, pero perdémolo. A codicia envelenou as almas, levantou barreiras de odio, empuxounos cara á miseria e as matanzas. (…) O odio dos homes pasará e caerán os dictadores e o poder que tomaron ó pobo seralle reintegrado ó pobo e así, mentres o home exista, a liberdade non desaparecerá.”
|Título orixinal: The Great Dictator| Dirección, producción e guión: Charles Chaplin|1940, EUA| Reparto: Charles Chaplin (barbeiro xudeu e Hynkel), Paulette Godard (Hannah), Jack Oakie (Benzino Napoloni)|



