Oriente e occidente
É incuestionable o feito de que nos medios de comunicación, ao longo destes últimos anos, o tema do conflito ou choque de civilizacións para caracterizar ás relacións Occidente – Oriente está facendo correr ríos de tinta.
Dunha banda preséntase a Occidente como o símbolo da democracia e do diálogo, mentres que Oriente representaría o terrorismo, sempre co adxectivo de”islámico”e a intolerancia.
Penso que a división, na realidade, non está nin moito menos tan clara. Considerar ao mundo musulmán como terrorista e violento é unha redución ridícula e perigosa, posto que contribúe a xerar nos “occidentais” unha especie de paranoia colectiva ante os membros dunha relixión que está tan dividida en grupos enfrontados coma calquera outra.
Por outra parte, nese Occidente espállase como efecto dese medo a idea de que é preciso reducir as liberdades civís para asegurar a seguridade, o cal leva aos gobernos a establecer medidas tan discutibles e antidemocráticas coma o control das chamadas telefónicas dos cidadáns, polémica medida plantexada recentemente nos Estados Unidos.
É un tema complexo, onde os conceptos aparecen cheos de trampas; o espazo desta colaboración non dá para máis, pero gostaríame lanzar a seguinte pregunta ¿A quen beneficia este clima de inseguridade no chamado mundo occidental?



