Os leigos debaten sobre a súa función na Igrexa
Máis de 150 leigos celebraron o pasado sábado unha xuntanza en Mondoñedo, baixo o lema “Todos formamos un único corpo en Cristo”, que presidíu o bispo de Mondoñedo – Ferrol, Manuel Sánchez Monge.
Aínda que a neve cubría boa parte da diocese e a circulación por estrada non era doada, leigos de toda a diocese encheron o salón de actos do Seminario Menor de Mondoñedo, para debatir o seu papel no contexto parroquial, e compartir as experiencias nas súas respectivas parroquias de orixe.
Durante a súa ponencia, Sánchez Monge falou da necesidade de consellos parroquiais como órganos activos e de importancia no funcionamento pastoral, e animou na súa tarefa ós que xa están en funcionamento. Ó fío das reflexións do bispo, os asistentes xuntáronse por grupos para falar de experiencias particulares e xeitos de traballar.
O encontro, que comezou cunha oración dirixida por José Antonio Llenderrozos, contou coa representación de movementos como a HOAC ou Junior, entre outros. Ó remate, os asistentes compartiron un xantar, tralo que voltaron ós seus lugares de orixe.
Todas as imaxes do encontro atoparalas na nosa sección fotos





