¿Que me está pasando?
Ola, chámome Rosalía, son unha rapaza de 15 anos que ó longo do que levo vivido sei o que é unha situación de malos tratos. Explícome: dende que teño sentido non recordo máis que ó meu pai pegándolle a mamá, eu non podía entendelo e cando preguntaba o que pasaba, mamá dicíame que “non eran cousas miñas, que papá estaba enfermo e por iso se comportaba así”… Na escola, eu estaba triste, e cando algo non me saía “a dereitas” o inmeditato era a violencia física e verbal con todo o que se puxera diante. Para min aquilo era normal, porque na casa comigo facían así: non había lugar á explicación nin ó razonamento, todo se solucionaba con golpes, ou castigos pechada nun cuarto que non tiña luz.
Recordo que na escola botaba moito tempo fóra da aula polo meu comportamento, ata que atopei a alguén que se interesou pola miña conducta: a miña profe de terceiro e cuarto de primaria que tentou buscar unha solución, porque ningún dos meus compañeiros me querían, e incluso levaba culpas que non tiña, pero como xa estaban afeitos a aquilo, que máis daba que o fixera eu ou non?. Falou cos meus pais, e eles dixéronlle que non se preocupara, que eu era un pouco rebelde, pero que non tiña importancia. Chegaron a vir á escola uns psicólogos da Coruña a mirarme; dixéronlle á mestra como tiña que actuar comigo e …pouco máis. Ela non estaba de acordo con aquilo, e botou moitas horas falando comigo ata que eu poiden confiar nela e contarlle o que me estaba pasando; non sabedes o peso que me quitei de enriba cando llo poiden contar!!!
Xa van tres anos da morte do meu pai, pero aínda agora teño pesadelos e escoitoo berrar e zoupar. Se fago algo mal, suspendo ou teño algún problema no Instituto, aínda me enrabecho un pouco… non do mesmo xeito que antes, pero algo dentro de min fai que actúe así…
Supoño que as cousas irán cambiando pouco a pouco, de tódolos xeitos as visitas ó psicólogo son mensuais, el está facendo todo o posible para que eu confíe na xente.
Como vedes o tema dos malos tratos non é nada raro nin lonxano para min, vivino en propia carne e volo conto de primeira man.
Sen ánimo de ningún tipo, e respectando escrupulosamente a vida de Rosalía, en NF optamos por publicar este testimonio por necesario, directo, e sobre todo, por real. Rosalía non é o nome verdadeiro. O que conta é a súa historia. Esa si é real. Este testimonio está recreado para Nova Fronteira por unha persoa que a coñece ben, que sabe do seu sufrimento. Dámoslle as gracias dende aquí



