¿Que tipo de diversión buscamos?
A cuestión do botellón pódese abordar dende moitos frentes. Poderíamos escoitar ós que o defenden como un lugar excepcional para atoparse cos amigos. Tamén poderíamos escoitar ós pais que se desentenden dos seus fillos ata unha hora concreta da madrugada na que deben volver á casa. Ou escoitar ós que non poden descansar ata esa mesma hora da madrugada porque debaixo da súa ventá está a ter lugar ese encontro entre amigos, celebrado a berro pelado. Ou podemos prestar atención ó servizo de limpeza municipal. Ou ós donos dos bares cercanos. Ou ós donos dos supermercados. Ou ás forzas de seguridade. Ou a calquera que atopemos por ahí, que seguro que ten unha opinión formada ó respecto. E seguro que todos teñen algo de razón, hai que recoñecelo, pero non en exclusiva.
A min o tema do botellón preocúpame na medida que me preocupa o estilo de diversión da xente nova, e cada día máis nova.
E volvemos a caer nas xeneralizacións. Pero partindo de que non son tódolos que están nin están tódolos que son, unha cousa é clara: a todo o mundo lle gustou sempre divertirse, pero a xente agora desfásase demasiado, penso eu. Nunca poderei acostumarme a atopar rapaces e rapazas de non máis de catorce anos borrachos e tirados nas aceras ou berrando abrazados como se fose a fin do mundo, e éme igual se están nunha praza pública celebrando un botellón ou se están saíndo da discoteca ou pub de turno.
E ahí radica para min o máis importante da cuestión do botellón. En que se xeneraliza un tipo de diversión destructiva (contraposta á diversión constructiva). E haberá quen o defenda; pero bueno, sempre houbo xente pra todo.



