Realismo e esperanza para afrontar os problemas da familia
*Como xa anunciamos en Nova Fronteira, Manuel Sánchez Monge, bispo de Mondoñedo - Ferrol, ven de facer pública a súa primeira Carta Pastoral, que leva por título “Familia cristiana: ¡Educa en la Fe!”. A continuación, Antonio Rodríguez Basanta, o delegado diocesano de Catequese, danos a súa primeira valoración sobre o seu contido
Como experto en pastoral familiar, o noso bispo, don Manuel, ven de publicar a súa primeira Carta Pastoral sobre a Familia. Como di na presentación, hai unha triple motivación para dirixirse ós pais, ás familias e ós seus diocesanos en xeral: a programación deste curso pastoral, dedicado á familia; a programación trienal das Delegacións de Catequese de Galicia que afrontan este tema; e a preparación do próximo Encontro Mundial das Familias, que vai ter lugar en Valencia a primeiros de xullo, coa presencia do papa Benedicto XVI.
Pero, ¿que nos aporta esta Carta? Primeiramente unha descrición lúcida da situación actual, non exenta de dificultades, de tantos matrimonios e familias que hoxe se senten interpelados e afectados na súa identidade e misión. Tamén unha análise en profundidade dos condicionamentos e desafíos que atinxen á vivencia da fe e á súa transmisión no ámbito familiar.
E, finalmente, unha aposta decidida pola familia como canle sempre válido de humanización, socialización e educación na fe. Eso si, marcando pautas, propoñendo accións concretas e indicando camiños para a labor catequética e evanxelizadora hoxe en día.
En definitiva, un Carta ampla, escrita con talante pastoral, cunha linguaxe directa e actual, que afronta con realismo e esperanza os problemas e os retos da familia, particularmente as familias que cimentaron a súa unión no matrimonio celebrado e vivido como sacramento, é dicir, como signo dun amor fiel e fecundo que ten a súa fonte e orixe en Deus mesmo.
Vale a pena, pois, facer unha lectura persoal e pausada, e mesmo comentala en grupo - ó remate hai un cuestionario - de parellas xoves, matrimonios, pais, catequistas, etc. Seguro que nos enriquecerá a todos e nos axudará a apreciar o tesouro da nosa fe cristiá, tantas veces desvalorizado, e a tomar conciencia da misión imprescindible da familia como ‘hábitat’ do ser humano e, con palabras dos Concilio, “escola do máis rico humanismo”.
Gracias, don Manuel, por esta primicia no comezo do seu ministerio episcopal entre nós.
.:Web Diocesana:. Carta Pastoral de Manuel Sánchez Monge, bispo de Mondoñedo - Ferrol (PDF)



