San Juan de la Peña
“Camiñando pola ribeira do mar de Galilea viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar; eran pescadores. Díxolles Xesús: -Vide comigo e fareivos pescadores de homes. E deixándo de contado o aparello, seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoan, seu irmán; estaban arranxando o aparello no bote. E de seguida os chamou. Eles, deixando a seu pai, Zebedeo e mailos seus tripulantes no bote, seguírono.” (Mc 1, 16-20)
O Claustro do mosteiro de San Juan de la Peña é unha das xoias do románica aragonés e español, e nel destaca o traballo no seus capiteis que datan dos séculos XII e XIII. Neles podemos atopar narracións do libro da Xénese, a infancia de Xesús e a súa vida pública.
Nos capiteis que temos a continuación podemos ver descrito con asombroso detalle o evanxeo que narra a chamada de Xesús a Pedro e Andrés, Xoan e Santiago. É un capitel dobre que comparte o mesmo ábaco, adornado con flores e motivos vexetais. A “adaptación ó marco” impón a súa lei ó artista, descoñecido, pero este é capaz de reflexar o texto con fidelidade e realizar unha talla precisa e fermosa pola súa concisión e sinxeleza. Están moi cuidados os detalles das barca, destacando a tablazón da quilla e a proa das mesmas.
No centro vemos a imaxe do capitel completo, na barca interior van tres apóstolos, e dous na exterior. Nas dúas un dos personaxes manexa un remo, e as ondas do mar están representa das dun xeito moi gráfico. Xesús camiña sobre a auga en Tiberíades, predica, bendice e chama ós seus seguidores: dereita Pedro e Andrés, esquerda Santiago e Xoan co seu pai Zebedeo –personaxe que leva un gorro.





