Unha experiencia de crecemento
Non todo o mundo vive o Nadal como a maioría de nós ou dos nosos amigos. Para moitas persoas dos cinco continentes, o Nadal non rompe a rutina na pobreza e a enfermidade. Pero moita xente, relixiosos, consagrados, viven con eles unhas festas distintas, tentando transmitir a esperanza do Neno recén nacido. Esta é a experiencia dun dos nosos máis asiduos colaboradores, durante dous periodos (Semana Santa e verán) que nos países desenvolvidos son análogos, por vacacionais, ós días que agora vivimos.
Hai veces na vida que se ofrecen oportunidades que despois de vistas e experimentadas un dase conta que son postas ‘a pelo’ por Deus mesmo. É iso de ler a historia persoal de cada un a partires das experiencias da vida, das boas e das malas e observar que Deus estaba detráis amparándoas e iluminándoas.
Durante a Semana Santa deste ano e despois no mes de Xullo durante máis tempo, tiven a ocasión de convivir cos franciscanos da comunidade de Tánxer (Marrocos).
Ofrecéuseme vivir con eles unha Semana Santa nun pais musulmán que me pareceu moi rico e interesante, e despois durante o verán colaborar noutros campos máis amplos da pastoral que se levan a cabo alí.
Nunha primeira toma de contacto coñecín a moitas persoas que me foron introducindo noutras dimensións dentro do abano de actividades que se fan polas distintas comunidades relixiosas que traballan alí. Foi así como me acabei centrando en colaborar coas Misioneiras da Caridade (as da Madre Teresa de Calcuta).
Elas realizan un traballo ímprobo a favor das nais solteiras e dos nenos desas e doutras mulleres que son rexeitadas e afastadas do ámbito familiar. Ó mesmo tempo desempeñan unha laboura de coidado e educación dos nenos, e non tan nenos, que están abandoados nas rúas da cidade; tamén de persoas maiores, anciáns, que non teñen onde vivir nin morrer con dignidade.
Non podo pasar sen dicir que todo isto marca a un corazón mínimamente sensible, que é unha experiencia que fai relativizar problemas, situacións, crises, e outras circunstancias da vida ás que con demasiada frecuencia lles damos un valor central.
O ver a vida e a morte tan de preto e vividas con tanta naturalidade non deixan impasible a ninguén. A vida dun recén nado e a súa fraxilidade, e a morte no outro lado da porta; a vida dunhas nais que se sinten persoas de novo, e a morte da ancián que exhala o seu derradeiro alento. Aínda agora preséntanseme frescas as imaxes de toda esta xente e sobre todo a cara alegre dunhas relixiosas que entregan a vida ( e ata se xogan a mesma vida en moitos momentos) por aqueles que son a imaxe máis clarividente de Deus mesmo.
Só desexo que esta experiencia (que espero repetir próximamente) me axude a saber entregarme de igual xeito por aqueles que me precisan no aquí e no agora.





29 Diciembre, 2006 ás 13:45
Desde luego que parece una experiencia preciosa, seguro que en algunos momentos dura, pero que realmente merece la pena, por lo enriquecedora que resulta. Parece que a uno al leer este texto, le entran ganas de hacer lo mismo…